Benvidos a Apoegal

 

A Asociación Profesional de Orientación Educativa de Galicia, APOEGAL, constituíuse formalmente o  26 de novembro de 2004, nunha xornada na que representantes das catro provincias decidiron aprobar os seus estatutos e inaugurar así unha nova páxina na historia da orientación da comunidade galega.

    Esta acción responde a unha demanda do propio colectivo, que dende hai xa algún tempo detectou a necesidade de aglutinar esforzos e coordinar actuacións de cara a optimizar o funcionamento dos Departamentos de Orientación distribuídos polos diferentes puntos da xeografía galega.

 



    APOEGAL nace cunha idea clara: defender e promover a Orientación Educativa en tódalas súas vertentes. Ademais, tamén son fins da asociación:

 

·  A defensa dos intereses dos seus asociados/as.

· A formación dos seus integrantes mediante a organización de congresos, cursos, seminarios, xornadas, conferencias,  etc tanto de xeito presencial coma on line, con fins pedagóxicos.

· A contribución á formación doutros colectivos dende a perspectiva da Orientación Educativa.

· Intercambio de experiencias profesionais entre os seus asociados/as.

· A aproximación dos/as asociados/as ás NT e a súa utilización nas tarefas profesionais, para a formación, a comunicación  e o intercambio...

· A edición de boletíns e/ou revistas informativas ou técnicas que contribúan á divulgación do coñecemento propio destas áreas xa sexan impresas ou en formato electrónico.

· A aportación, tanto ás Administracións Públicas como a Institucións doutro carácter que se estime conveniente, dende o punto de vista técnico respecto a proxectos ou iniciativas que teñan que ver con este campo do coñecemento.

· A colaboración con asociacións, organizacións e institucións de diversa índole: Universidades, ONGs, CEFORES,...

· A contribución e aposta pola educación de calidade e a diversidade para tod@s. 

· O Asesoramento ós/ás afiliados/as.


 

 


    Co convencemento de que internet debe servir de nexo de unión cotiá entre os orientadores/as educativos/as galegos/as, e destes co resto de análogos colectivos españois e doutros países, APOEGAL ten previsto desenvolver unha plataforma de comunicación e formación virtual que o faga posible.